Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo, debeu pensar que un homosexual faltón e unha lercha sen cultura non estaban ao nivel de presentar o Xacobeo 2010 aos españois. Vese que os ten en moi alta consideración, aos españois, digo. A escusa elixida para entrar nas casas sen invitación eran as badaladas de despedida do 2009 e de benvida do 10, previo pago, por suposto. E é de supoñer que se buscase a máxima audiencia posible, que estas cousas se aprenden en New York.
O caso é que o presidente Alberto Núñez fixo caso do seu conselleiro e decidiu que fose outra a cadea que se desprazase a Santiago e brindase con cava catalán. O cambio fixo que a mensaxe de que entrábamos no Chacobeo 2010 chegase ao 3% da audiencia en lugar de ao 21,2%. A decisión é discutible, como case todo, e eu non teño unha opinión formada. Ás veces a cantidade non é o factor máis importante. Agora ben, si teño claro que no caso de que a ex do toureiro fose folclórica, desas de traxe de faralaes, a audiencia das badaladas da Berenguela sería do 21,2%.
Na miña casa coméronse as uvas alicantinas ao ritmo da Berenguela; e é que nos gusta obvialo reloxo madrileño; somos da aldea, que lle imos facer. Por ese mesmo motivo, non sabemos apreciar o saber estar de José Ramón Gayoso (outra consecuencia nefasta da importancia que se lle dá á audiencia), así que formamos parte do exclusivo 3%.
A cousa estaba perfectamente ensaiada. Un rapaz e unha rapaza, non me pregunten quen eran, presumían de estar na máxica e fermosa cidade de Santiago de Compostela (para que logo José Sánchez se queixe de que na promoción do Xacobeo apenas se fai referencia á cidade). Todo con moita clase e elegancia, ata meteron imaxes do arcebispo tirando co muro da Porta Santa. E no corte publicitario, a promoción da discordia: Ahora es cuándo, Galicia es dónde, seguida da promo do País Vasco, que foi o último anuncio do 2009 en 4 cadeas estatais.
E viñeron as uvas. E con elas a labazada colectiva. Desta volta foron os nosos veciños, os asturianos, coa promoción de Central Lechera Asturiana, os encargados de poñelas cousas no seu sitio. Asturias celebra 40 anos do seu grupo lácteo, os galegos celebramos 19 do mandato unánime do Parlamento ao goberno galego para se poñer a traballar polo mesmo.
Aos 14 anos que tivo por diante o presidente Manuel Fraga non lles reclamo nada; fai tempo que aprendín que de onde non hai non se pode sacar. Os anos que me doen son os perdidos co goberno progresista. E por moito que agora diga Edelmiro López, o anterior director xeral de Desenvolvemento Rural, que o atranco de última hora para a materialización do Grupo Lácteo Galego foi a situación económica, a min non me convence. Na miña opinión, o erro foi o tan cacarexado cambio tranquilo do que o noso anterior nonpresidente presumía case tantas veces coma do seu cargo. A Emilio Pérez non lle chegou unha lexislatura para asumir que era o presidente, por iso pedía tranquilidade. Mágoa que os votantes que sustentaban o goberno levaran media hipoteca agardando polo tan ansiado cambio.
Edelmiro López ven de revelar algúns datos interesantes acerca do proxecto do Grupo Lácteo Galego. Fala do grupo lácteo máis importante do estado, logo da compra dun grupo xa existente de carácter estatal (non perdan de vista Pascual), polo que o mercado non se restrinxiría a Galicia; á fronte estarían as cooperativas, como non podía ser doutro xeito, con Feiraco á cabeza; a implicación das caixas de aforro galegas estaba asegurada; a concesión de 192 megawatios en parques de aeroxeneradores ao proxecto Ventos Cooperativos (detrás estaban Feiraco, Colaga, Icos e Irmandiños, sumando 8.000 socios) foi o mecanismo de reforzo da capitalización dos promotores.
Algúns datos para a reflexión:
- En Asturias, os desacordos entre gandeiros e multinacionais do sector lácteo a conta do prezo do leite foron os desencadenantes da chamada "guerra do leite", marcada por unha folga dos gandeiros que deixaron de entregar leite ás industrias durante 23 días. Ese foi o xermolo de Central Lechera Asturiana, que nace no 1968 reunindo a 90 Irmandades de Labradores e Gandeiros co apoio financeiro do Banco de Crédito Agrícola e das entidades financeiras rexionais.
- A finais de 1970 sae da primeira factoría de CLA a primeira botella de leite esterilizada co lema "Elaborada y Producida en Asturias", como claro referente de orixe, calidade e autenticidade.
- No 1997 CLA fusiónase, mediante absorción, con Iberlat, que aporta LARSA, marca moi implantada en Galicia, e ATO, con gran peso en Cataluña.
- Na actualidade, en Galicia prodúcese o 35% do leite de todo o Estado, do cal o 85% é comercializado por empresas con domicilio fiscal fóra do país.
- Cando chegou o momento da compra da planta de Pascual (xa lles dixen que non o perderan de vista), a proposta de Feiraco integraba á marioría das cooperativas agrarias galegas, 24 en total, con capacidade produtiva máis que suficiente para a planta de Lugo, e sen embargo, por sorpresa La Arzuana (vinculada a alcaldes do PP) descólgase do proxecto sen unha explicación aparente. Pero ao final todo encaixou e presentou unha nova oferta que casualmente contou o respaldo da Xunta de Galicia.
Este pode ser o maior logro de Samuel Juárez, ata o de agora, á fronte da Consellería de Medio Rural, rachar coa unidade e o entendemento das principais cooperativas agrarias galegas e darlle osíxeno aos prexuizos que padecemos.
As mentiras que nesta entrada conto non son máis que consecuencia da miña ignorancia e atrevemento.
M.X.

.jpg)
3 comentarios:
Desta tropa que se vai dicir, que son unha banda de pijos descerebrados, o que haberia algo que dicir é dos que estiveron e foron tan paseniño que agora desmontar todo é cousa ben fácil...
Voume calar mellor xD
ups!!
Isto é un blogue de maula, nen actualiza nen nada xD
Publicar un comentario