A bonanza económica que desfrutamos nos últimos anos permitiunos subir un chanzo máis na pirámide de Maslow. Superadas xa as necesidades de seguridade e protección, pasamos a experimentar novos demandas persoais; entramos no nivel de cubrilas chamadas necesidades de afiliación e afecto. As nosas novas necesidades de asociación, participación e aceptación víronse cubertas por actividades recreativas, culturais e deportivas. Dicía Maslow que neste nivel aos cidadáns xórdenos a necesidade de relacionarnos sentíndonos parte da comunidade, agrupándonos, por exemplo, en organizacións sociais; amizade, afecto, compañeirismo e amor serán os sentimentos ou emocións que cubran as nosas recentes necesidades. Isto no plano persoal. Como todo cambio nas preocupacións dos cidadáns (TODO) ten efecto na economía real, a compra dos bens materiais e dos servizos que necesitábamos veu a afianzalo novo nivel. Uns mercamos quads para nos divertir en grupo polos camiños forestais, outros decidimos viaxar á mínima oportunidade para acrecentalo sentimento de habitante do planeta, outros mercamos unha táboa de snowboard e contratamos un monitor para sentirnos libres por uns minutos, outros tuneámolo coche para nos integrar no colectivo que tanto envexabamos, outros decidimos tomar clases de inglés para rirnos en grupo e sentirmos máis cosmopolitas, outros decidimos facer unha piscina na horta por iso de ter un chalé, outros mercamos unha moto como segundo medio de transporte ou para nos divertir, e non me digan que os moteiros non son un típico exemplo de grupo. E así mil e unha posibilidades; todas elas celebradas polos grupos políticos de esquerda que vían neste feito o rexurdir das forzas sociais. Recoñezamos que este foi un paso importante no aumento da nosa calidade de vida. Fai 30 anos, por exemplo, o común dos mortais non críamos na posibilidade de contar cos recursos suficientes ( e non so económicos ) para estas cousiñas. Pero a cruda realidade volveu para demostrar que esta melloría carecía de base sólida, máis ben adoecía de pés de barro.
E agora fixémonos no último exemplo que comentaba, na cantidade de veciños da comarca que decidimos mercar moto no último lustro (no conxunto do Estado triplicáronse as matriculacións de motocicletas no 2007 con referencia ao 2003, chegando ás 269.479 unidades). As concentracións moteiras multiplicáronse por toda Galicia a pesar das condicións meteorolóxicas tan pouco propensas para esta afección; e Barbanza non foi menos. Nos meses de mellor tempo, as estradas da comarca serviron para poñer a proba as capacidades de doma de cabalos metálicos; primavera e verán eran como curros de motocicletas. A velocidade é unha experiencia altamente adictiva e o trazado serpenteante das nosas estradas, un magnífico escenario. Os moteiros lograban así rematar coa sede de participación e amistade que Maslow lles atribuía. Mais esta situación durou relativamente pouco, xa que no 2008 as tornas cambiaron e os condutores de motocicletas baixaron, en moi pouco temo, o chanzo que estaban disfrutando, e volveron a experimentalas necesidades de saúde e seguridade física.
Que aconteceu en poucos meses? Pois o detonante non foi outro que a proximidade das eleccións á Xunta (si amigos, outra vez a política); os catalizadores foron 3, por orde de importancia: Manuel Santos Ruiz Rivas, que fora tenente de alcalde do Concello de Ribeira, deputado e portavoz do PPdG no Parlamento galego; José Luis Ramón Torres Colomer, alcalde do Concello de Ribeira e senador polo PPdG e Agustín Hernández Fernández de Rojas, daquelas director de infraestruturas da Deputación de Pontevedra e hoxe en día flamante conselleiro de medio ambiente, territorio e infraestruturas. As vítimas? as principais foron o presidente da Peña Motociclista Ribeira, Víctor Gabriel González Argibay , Juan Figueira, portavoz da mesma e Loly Martínez, a secretaria; as colaterais, un gran número de afeccionados ás motocicletas que se deixaron levar.
A estas alturas, xa saberán que hoxe estou a falar da dobre bionda (e non dobre bianda como Manuel Santos Ruiz Rivas di en declaracións á COPE) e a polémica autovía do Barbanza.
Os feitos? Son de todos coñecidos, así que cunha exposición cronolóxica (a base de hemeroteca) vai ser suficiente:
27.03.2008. A Peña Motociclista de Ribeira solicitará unha entrevista coa titular de Política Territorial para entregarlle as rúbricas de apoio acadadas. O presidente da Peña reclama o apoio e a solidariedade do seu departamento.
03.04.2008 O PP reclama a instalación de gardarraís de dobre bionda na autovía. Os conservadores reclaman que se instalen estes dispositivos de seguridade no vial en execución e consideran imperdoable que a conselleira de Política Territorial se resista a aplicar esta medida «fundamental para protexer aos motoristas». Nesa liña, os populares aseguran que apoiarán cualquera manifestación por este asunto que se realice. E indican que, no caso de que haxa unha movilización en Barbanza, nen Ruiz Rivas nen Alfonso Rueda faltarán á cita.
04.04.2008. O concelleiro de Cultura ribeirense, Luciano Fernández, brindou o apoio do Concello aos moteiros, sinalando que non se pode xogar coas vidas das persoas.
06.04.2008. 2000 moteiros colapsan Ribeira. Arroupados polo senador e alcalde ribeirense, José Luis Torre Colomer e polo parlamentario Manuel Ruiz Rivas, solicitaron á conselleira de Política Territorial que antepoña as vidas humanas aos motivos económicos y que habilite a partida precisa para que a autovía do Barbanza e outras carreteras de nova construción dispoñan de guardarraís seguros. Ofrenda floral ante o “quitamedos asasino”. Aseguraron que o ruxir dos seus cabalos metálicos deixarase sentir ata que se cumpla a súa esixencia. Din que llo deben a os compañeros que perderon sobre o asfalto.
18.04.2008 O presidente da Peña Motociclista Ribeira, Víctor González, señalou que o colectivo está moi concienciado cos aspectos relativos á seguridade e pretende que a Xunta cumpla o seu compromiso de colocar gardarraís homologados. Neste sentido, González expresou a súa satisfacción porque, segundo dixo, na estrada que vai desde Catoira ata a entrada á autopista, da que é titular a Diputación pontevedresa, estanse a colocar os sistemas de proteción que demandan.
19.04.2008 Concentración en Rianxo (200 moteiros) solicitando a retirada dos “quitamedos asesinos”. A secretaria e o portavoz da peña ribeirense de moteiros (Loly Martínez e Juan Figueira) reiteraron a necesidade de que a autovía da Barbanza teña, en todo o seu recorrido, gardarraís homologados. Presentan á mascota caniche “Luna”, que porta un carteliño que di: “No quiero volver a estar triste si alguno de mis amigos moteros no regresa a casa”.
08.05.2008. O presidente de Arousa Norte, José Luis Torres Colomer, sinalou que a intención dos mandatarios é abordar con Caride a conveniencia de extender este tipo de quitamedos máis alá das curvas perigosas e dos mínimos impostos pola lexislación vixente.
20.07.2008. Moteiros de toda Galicia, como reivindicación da dobre bionda na autovía do Barbanza percorrérona a ritmo lento. No concello de Ribeira, so un centenarde moteiros escenifican a súa protesta empregando cirios arredor do quitamedos asasino e un boneco simulando a un motorista morto, 3 pancartas: “Caride dimisión”, “¿Dónde están nuestras promesas?, ¿Dónde está la seguridad vial?” e “Lo de la autovía de Barbanza es una vergüenza”. Coa presencia do párroco de Santa Uxía, Cesáreo Canaval que realizou unha bendición de cascos e amosou o seu apoio ao colectivo: “comparto as vosas reclamacións, porque eu tamén fun moteiro, nunha Vespa e nunha Montesa, e sei dos perigos que se corren”.
24.09.2008. 15 moteiros percorren a autovía a unha velocidade de 30 Qm/h de Ribeira a Boiro vestidos con chalecos fosforitos.
27.09.2008. Grupos de 15 moteiros percorren a autovía a 30 Qm/h ás 20:00 h. probocando retencións de 2 quilómetros.
30.09.2008. Cren que o colectivo moteiro ao que aa Xunta fixo caso omiso nas súas reivindicacións é vítima dun capricho político. Os moteiros entenden que unha das razóns polas que Política Territorial no puxo a dobre bionda na autovía é porque mantén un pulso coa oposición -o PP apoiou a causa dos aficionados aos vehículos de dúas rodas desde o primeiro momento-. Despois, nun ton máis crítico que os últimos días, recordan aos responsables do bipartito galego que a súa actitude lle perxudicará nas urnas: «Nós ímosvos a botar un pulso o día das elecións», sentencian.
15.10.2008 Os moteiros acusan á Xunta de vender fume e din que a autovía de Barbanza lles dá pánico. Touriño anunciou que a autovía terá 20 quilómetros lineais de sistemas de proteción para os aficionados ás dúas rodas. Pero a súa mensaxe non tivo efecto balsámico, más bien todo o contrario. Os moteiros consultados acusaron a Touriño de vender fume e falar do pavor que lles dá o trazado en plena construción, á par que insistiron en que tódolos metros da autovía deberían levar bionda dobre. Os motoristas din que Pérez Touriño lles vendeu fume. Sinalan que o presidente da Xunta debería tocar este asunto cando sobre a autovía xa se viran os gardarraís con proteción.
20.11.2008 José Luis Torres Colomer, como presidente da Mancomunidade, expuxo o problema e, ao termo da reunión, dixo o seguinte: «A conselleira entende que se cumpre a normativa, pero creo que se debe seguir reclamando que a dobre bionda exista nos 40 quilómetros do trazado, porque nunha vía tan importante non se debería reparar nun gasto que como moito podería chegar aos cen millóns das antigas pesetas». E engadeu: «Penso que a Xunta debería ter en conta que os motoristas non soamente sofren accidentes nas curvas máis pronunciadas e que calquera dispositivo para evitar sinistros é bo».
31.10.2008 A Deputación de Pontevedra organiza unha ruta moteira (e non é broma).
Adjunto se remite memoria de la ruta motera que tenemos prevista para el próximo 16 de noviembre. En Armenteira está previsto un ‘pincho’ antes de la despedida. Así mismo se remite el cartel que hemos confeccionado y que os pediria que difundierais de la manera más general posible.
La Deputación de Pontevedra, dentro de sus disponibilidades presupuestarias, está realizando un esfuerzo notable para mejorar la seguridad vial en general, y la de los moteros en particular. En este sentido nos gustaria el día 16 explicar lo que estamos haciendo y, lo que para nosotros es más importante, escuchar lo que piensan los moteros de primera mano. Creemos que, con independencia de la normativa técnica que se aplica, cuando una medida se implanta para un colectivo concreto, es imprescindible escuchar su opinión.
Un saludo.
Agustín Hernández Fdez. de Rojas
Director de Infraestructuras
Deputación de Pontevedra
25.1.2009 Os moteiros recaban o apoio de empresas da zona para colocala dobre bionda en toda a autovía. Ante o argumento de que a Consellería de Política Territorial non ten presuposto para instalar estas medidas de proteción, o colectivo decideu por en marcha unha colecta para recaudalos fondos precisos para garantizala seguridade dos pilotos, unha campaña á que se uniron empresas da comarca.O colectivo fai fincapé en que quedan todavía zonas que representan un serio peligro para os vehículos de dúas rodas sen dobre bionda e destacan que «hay curvas muy pronunciadas sin protección y, sobre todo, los guardarraíles colocados en la mediana de la calzada. Muy pronto habrá desgracias irreparables si no se colocan inmediatamente las medidas de seguridad en estos puntos».
01.03.2009. Elecións á Xunta de Galicia. O PPdG acada a maioría absoluta e forma goberno. Cambian moitas cousas a nivel político con consecuencias directas na sociedade. Que aconteceu co discurso dos catalizadores que estamos a comentar? E coa actitude das vítimas?
14.04.2009 A nova Xunta dará prioridade a melloralo drenaxe da autovía. Por outra parte, o núcleo de Feijoo parece disposto a non deixar no olvido a súa gran promesa aos moteiros. Ruiz di que ve prioritario por dobre bionda en toda a autovía.
24.5.2009 A Xunta estuda a posibilidade de ampliala dobre bionda a determinados puntos nos que non hai esta medida de proteción para os motoristas. En concreto, ol deputado Manuel Ruiz Rivas indicou que un dos lugares nos que parece preciso poñer un guardarraíl que entrañe menos riscos en caso de que un piloto caia ao chan é no acceso de A Carballa. Aínda que Ruiz Rivas se referiu inicialmente ao acceso de A Carballa, sinalou que se están estudando outros puntos que poidan revestir perigosidade e sexa preciso instalar dobre bionda.
27.05.2009 Irmanamento dentre moteiros. Cunha festa no parque de A Cachada quedou zanxado o irmanamento entre tres clubes de moteiros: Boiro Motos, Jas a Tope de Rianxo e Pemento Racing de Padrón.O colectivo boirense foi o encargado dos preparativos dunha xornada que comezou cunha cen, á que acudiron unhas setenta persoas, e que rematou cun concerto a cargo do grupo local Sínefres e do DJ Geno.
18.06.2009.Segunda concentración de moteiros en Rianxo. Touro mecánico, exhibicións de trial, circuito de karts, colchonetas, xogos diversos, ruta turística, discoteca móbil e a cantala rianxeira bengala en man.
13.01.2010 A consellería asegura que segue estudando a posibilidade de colocar dobre bionda. Antes e durante a campaña das últimas eleciones autonómicas, ol Partido Popular fixo súa a reivindicación dos moteiros barbanzáns de que a autovía debería ter dobre bionda en todo o seu trazado. Sen embargo, os conservadores levan xa uns nove meses de goberno e os guardarraís dobres que tanto ansían os amantes das dúas rodas continúan sen estar colocados ao longo de toda a autovía -na época bipartita instaláronse nalgúns tramos-. Ao preguntarlle ao conselleiro por esta cuestión, a respuesta non é demasiado concluínte. Hernández sinalou: «Este asunto continúase estudando».
E neste punto, 10 meses despois de que o PP se fixera co goberno de Galicia eu pregunto:
O señor Ruiz Rivas afirma agora que están estudando en que puntos concretos da autovía, debido á súa perigosidade, se necesitan dobre bionda? Non defendía o 100% do trazado?
Preguntado polo tema o conselleiro Hernández, so sabe dicir que “este asunto continúase estudando”? O seu compañeiro de partido Torres Colomer non o tiña xa valorado en “apenas 100 millóns das antigas pesetas”?
E logo agora o alcalde de Ribeira José Luis Torre Colomer e o parlamentario Manuel Ruiz Rivas, non lle van solicitar ao conselleiro de Política Territorial que antepoña as vidas humanas aos motivos económicos e habilite a partida precisa para que a autovía do Barbanza? E se non é así: que foi da colecta que organizou o colectivo de moteiros entre as empresas da comarca para instalar a dobre bionda?
Para cando outras 3 pancartas que digan : “Hernández dimisión”, “¿Dónde están nuestras promesas?, ¿Dónde está la seguridad vial?” e “Lo de la autovía de Barbanza es una vergüenza”?
Señor concelleiro de Cultura de Ribeira, agora xa se pode xogar coa vida das persoas?
Xa non dá pánico o trazado da autovía? Agora xa se lle pode aumentalo límite de velocidade?
E o máis importante: para cando outra bendición de cascos do do párroco de Santa Uxía, Cesáreo Canaval? Que foi da caniche reivindicatica Luna?
As mentiras que conto nesta entrada non son máis que consecuencia da miña ignorancia e atrevemento.
M.X.
3.1.10
De Belén Esteban, Alberto Núñez e o Grupo Lácteo Galego
Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo, debeu pensar que un homosexual faltón e unha lercha sen cultura non estaban ao nivel de presentar o Xacobeo 2010 aos españois. Vese que os ten en moi alta consideración, aos españois, digo. A escusa elixida para entrar nas casas sen invitación eran as badaladas de despedida do 2009 e de benvida do 10, previo pago, por suposto. E é de supoñer que se buscase a máxima audiencia posible, que estas cousas se aprenden en New York.
O caso é que o presidente Alberto Núñez fixo caso do seu conselleiro e decidiu que fose outra a cadea que se desprazase a Santiago e brindase con cava catalán. O cambio fixo que a mensaxe de que entrábamos no Chacobeo 2010 chegase ao 3% da audiencia en lugar de ao 21,2%. A decisión é discutible, como case todo, e eu non teño unha opinión formada. Ás veces a cantidade non é o factor máis importante. Agora ben, si teño claro que no caso de que a ex do toureiro fose folclórica, desas de traxe de faralaes, a audiencia das badaladas da Berenguela sería do 21,2%.
Na miña casa coméronse as uvas alicantinas ao ritmo da Berenguela; e é que nos gusta obvialo reloxo madrileño; somos da aldea, que lle imos facer. Por ese mesmo motivo, non sabemos apreciar o saber estar de José Ramón Gayoso (outra consecuencia nefasta da importancia que se lle dá á audiencia), así que formamos parte do exclusivo 3%.
A cousa estaba perfectamente ensaiada. Un rapaz e unha rapaza, non me pregunten quen eran, presumían de estar na máxica e fermosa cidade de Santiago de Compostela (para que logo José Sánchez se queixe de que na promoción do Xacobeo apenas se fai referencia á cidade). Todo con moita clase e elegancia, ata meteron imaxes do arcebispo tirando co muro da Porta Santa. E no corte publicitario, a promoción da discordia: Ahora es cuándo, Galicia es dónde, seguida da promo do País Vasco, que foi o último anuncio do 2009 en 4 cadeas estatais.
E viñeron as uvas. E con elas a labazada colectiva. Desta volta foron os nosos veciños, os asturianos, coa promoción de Central Lechera Asturiana, os encargados de poñelas cousas no seu sitio. Asturias celebra 40 anos do seu grupo lácteo, os galegos celebramos 19 do mandato unánime do Parlamento ao goberno galego para se poñer a traballar polo mesmo.
Aos 14 anos que tivo por diante o presidente Manuel Fraga non lles reclamo nada; fai tempo que aprendín que de onde non hai non se pode sacar. Os anos que me doen son os perdidos co goberno progresista. E por moito que agora diga Edelmiro López, o anterior director xeral de Desenvolvemento Rural, que o atranco de última hora para a materialización do Grupo Lácteo Galego foi a situación económica, a min non me convence. Na miña opinión, o erro foi o tan cacarexado cambio tranquilo do que o noso anterior nonpresidente presumía case tantas veces coma do seu cargo. A Emilio Pérez non lle chegou unha lexislatura para asumir que era o presidente, por iso pedía tranquilidade. Mágoa que os votantes que sustentaban o goberno levaran media hipoteca agardando polo tan ansiado cambio.
Edelmiro López ven de revelar algúns datos interesantes acerca do proxecto do Grupo Lácteo Galego. Fala do grupo lácteo máis importante do estado, logo da compra dun grupo xa existente de carácter estatal (non perdan de vista Pascual), polo que o mercado non se restrinxiría a Galicia; á fronte estarían as cooperativas, como non podía ser doutro xeito, con Feiraco á cabeza; a implicación das caixas de aforro galegas estaba asegurada; a concesión de 192 megawatios en parques de aeroxeneradores ao proxecto Ventos Cooperativos (detrás estaban Feiraco, Colaga, Icos e Irmandiños, sumando 8.000 socios) foi o mecanismo de reforzo da capitalización dos promotores.
Algúns datos para a reflexión:
- En Asturias, os desacordos entre gandeiros e multinacionais do sector lácteo a conta do prezo do leite foron os desencadenantes da chamada "guerra do leite", marcada por unha folga dos gandeiros que deixaron de entregar leite ás industrias durante 23 días. Ese foi o xermolo de Central Lechera Asturiana, que nace no 1968 reunindo a 90 Irmandades de Labradores e Gandeiros co apoio financeiro do Banco de Crédito Agrícola e das entidades financeiras rexionais.
- A finais de 1970 sae da primeira factoría de CLA a primeira botella de leite esterilizada co lema "Elaborada y Producida en Asturias", como claro referente de orixe, calidade e autenticidade.
- No 1997 CLA fusiónase, mediante absorción, con Iberlat, que aporta LARSA, marca moi implantada en Galicia, e ATO, con gran peso en Cataluña.
- Na actualidade, en Galicia prodúcese o 35% do leite de todo o Estado, do cal o 85% é comercializado por empresas con domicilio fiscal fóra do país.
- Cando chegou o momento da compra da planta de Pascual (xa lles dixen que non o perderan de vista), a proposta de Feiraco integraba á marioría das cooperativas agrarias galegas, 24 en total, con capacidade produtiva máis que suficiente para a planta de Lugo, e sen embargo, por sorpresa La Arzuana (vinculada a alcaldes do PP) descólgase do proxecto sen unha explicación aparente. Pero ao final todo encaixou e presentou unha nova oferta que casualmente contou o respaldo da Xunta de Galicia.
Este pode ser o maior logro de Samuel Juárez, ata o de agora, á fronte da Consellería de Medio Rural, rachar coa unidade e o entendemento das principais cooperativas agrarias galegas e darlle osíxeno aos prexuizos que padecemos.
As mentiras que nesta entrada conto non son máis que consecuencia da miña ignorancia e atrevemento.
M.X.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)


.jpg)